viernes. 19.04.2024

Margarita Pérez é Médica de Familia no Centro de Saúde de Xinzo de Limia desde o 2018. “O virus segue existindo. Seguen rexistrándose novos casos. Na comarca da Limia, 73 a última semana. E somos conscientes de que haberá máis dos rexistrados, porque xa non facemos o test a todas as persoas que veñen con síntomas”, di a médica, que foi a profesional de referencia para a covid durante estes dous últimos anos.

Os test xa só se realizan a determinados pacientes, basicamente, aos maiores de 60 anos e a persoas con enfermidades crónicas. Son eses pacientes nos que a covid podería derivar en complicacións graves.

A covid non desapareceu, mais na rúa a sensación é que o perigo si o fixo. Dous meses sen máscaras e un menor protagonismo nos medios de información contribúen a esa sensación. “Que pasou? Pois que a covid produce cadros clínicos menos graves. A presión hospitalaria tamén se reduciu. De aí que as medidas preventivas sexan diferentes. Por exemplo, o illamento xa non é tan estrito. Iso si, os infectados deben procurar non facer vida social, non xuntarse en grupos xente e moito menos se hai persoas maiores durante dez días, e levar máscara FFP2 durante ese período”, lembra Margarita Pérez. 

Os ingresos hospitalarios por covid reducíronse. A presión sobre os centros de saúde, tamén. “O que vemos son cadros de infección de vías respiratorias altas, e con menor frecuencia pneumonías ou embolismos pulmonares. E ademais, agora, como os infectados non teñen que estar illados, o seguimento que facemos desde Primaria non é tan estreito, salvo nos casos nos que facemos a diagnose e sabes que é un enfermo que pode ter complicacións. E xa non seguimos aos contactos”. 

“É un virus de contaxio por vías respiratorias, así que non imos librarnos del”, avisa a médica. “Temos que estar atentas. Non sabemos como vai mudar, porque vai seguir mudando. É moi contaxioso, leva pouco tempo entre nós e non temos a inmunidade que temos contra outros virus”.

A vacinación continúa, con cuartas doses, en pacientes con risco, nos casos de tratamentos ou transplantes que baixan as defensas, por exemplo, ou enfermidades reumáticas. O verán preséntase como unha boa estación para a loita contra o virus. “A xente pasa máis tempo en espazos abertos”, apunta Pérez, “e iso é bo para reducir os contaxios neste tipo de virus que atacan por vías respiratorias”. Mais a médica insiste en que aínda no hai datos suficientes para saber se a covid acabará sendo unha enfermidade estacional como a gripe.

“Non sabemos como vai mudar, porque vai seguir mudando. É moi contaxioso, leva pouco tempo entre nós e non temos a inmunidade que temos contra outros virus”.

Margarita Pérez. Médico Primaira. Centro de Saúde Xinzo de Limia (2)
Margarita Pérez leva tres anos e medio como Médica de Familia no Centro de Saúde de Xinzo. 

 

O USO DA MÁSCARA, IMPRESCINDÍBEL NALGÚNS CASOS
Margarita Pérez apela a responsabilidade das persoas infectadas para ir reducindo o número de contaxios. “Os infectados teñen que ser conscientes de que limitar a transmisión do virus depende deles e delas. Deben evitar as reunións sociais e saír só para actividades esenciais, como pode ser ir a traballar nos casos onde non procede a baixa laboral”, di, e lembra que estas persoas deben usar a máscara, a FFP2, durante os dez días preceptivos. En segundo lugar, Pérez recomenda ás persoas que sofren enfermidades crónicas e ás que están con tratamentos de diminúen as defensas que usen a máscara sempre que estean con grupos de xente, especialmente en espazos cerrados.

No Centro de Saúde de Xinzo de Limia rexistraron 73 novos casos na comarca a segunda semana de xuño e máis de 150 nas dúas primeiras semanas do mes. Son casos detectados nos centros de saúde e tamén por auto-test (os que se rexistran no teléfono do Sergas). As cifras repítense desde mediados de abril. “Pode que alerta social polo virus da covid desaparecese, pero debe manterse a responsabilidade individual”, subliña Margarita Pérez. E conclúe: “debemos ter coidado coa idea que se pode transmitir á poboación, o virus pode parecer menos grave que hai uns meses, pero non para todo o mundo é menos grave. Segue habendo poboación vulnerábel”.

NOTICIAS A LIMIA | “Pode que alerta social pola covid desaparecese, pero debe manterse...