Venres. 29.03.2024

“A campaña de vacinación da covid-19 contempla, coma noutras ocasións, a vacinación nos centros de saúde cabeceira de comarca e mesmo a vacinación a domicilio (...) [Haberá] unha primeira quenda na que todos os maiores de 80 anos que queiran se vacinen nos grandes centros de vacinación. E, complementariamente, unha segunda quenda na que aqueles maiores de 80 anos que non poidan acudir, terán a opción de facelo nos servizos de Atención Primaria e, no caso dos pacientes inmobilizados, se acudirá aos seus domicilios”, explica a Consellería de Sanidade, nunha resposta asinada por Julio García Comesaña, o conselleiro, a unha carta da alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, na que solicitaba a vacinación dos maiores en Xinzo.


A resposta disipa as dúbidas que puidera ter creado a misiva da alcaldesa e subliña: “ao procedemento que se puxo en marcha nas anteriores campañas de vacinación simplemente se lle introduciu a oferta dunha primeira quenda de citación nos hospitais e nos recintos de vacinación masivos”. 


O conselleiro explica que esta novidade responde á demanda de “persoas maiores de 80 anos” que en anteriores campañas fixeron chegar a Sanidade para “poder acudir aos grandes recintos de vacinacións” por diferentes motivos, entre eles, a facilidade para aparcar ou pola existencia dun servizo de axuda.


García Comesaña subliña que, en calquera caso, “para aquelas persoas que prefiran non desprazarse volverá a ofrecerse a vacinación nos centros de saúde e mesmo nos domicilios (...) igual que en anteriores ocasións”.


“En conclusión”, remata o conselleiro a súa carta á alcaldesa, “pídolle que transmita á veciñanza por parte da Xunta de Galicia unha mensaxe de tranquilidade”.
 

NOTICIAS A LIMIA | Sanidade lembra que serán vacinadas en Xinzo as persoas que non...