domingo. 06.10.2024

O seguimento da folga na segunda xornada de protesta das traballadoras e traballadores do SERGAS convocada pola Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Ourense volveu deixar descontentos aos sindicatos. Desde o SERGAS, os datos que ofrecen correspondentes á quenda de mañá son de 12 traballadoras que fixeron folga no Hospital e ningunha en Atención Primaria. Fontes sindicais lembran que os servizos mínimos volveron ser moi exixentes, tal e como aconteceu o pasado día 7.


“Teñamos mellores ou peores datos na quenda de tarde, non podemos deixar de ver o que pasou: as traballadoras e traballadores non senten como propio o conflito”, manifestaron esas mesmas fontes este mediodía ao Diario do Limia. A Xunta de Persoal avaliará nos próximos días o resultado desta segunda xornada de folga. Polo momento, para dentro dunha semana, o próximo día 27, está convocado o terceiro día de folga. 

O conflito está motivado tanto por reclamacións de orde laboral (organización das vacacións, retribucións...) como por reivindicacións de funcionamento do SERGAS: a falta de profesionais, tanto médicos como enfermeiros, os excesos de xornada e de número de pacientes ao cargo, a ausencia de planificación do relevo, e a expulsión dos profesionais máis mozos, que elixen outras área sanitarias nas que as condicións de traballo son mellores. 


A Xunta de Persoal avaliará nos próximos días o resultado desta segunda xornada de folga. Para o próximo día 27 está convocado o terceiro día de folga. 


O conflito segue aberto, “mais non podemos enganarnos, as compañeiras e compañeiros non están a responder nas xornadas de folga como se podía esperar, e isto pode ter moitas explicacións, o que levamos vivido este anos de pandemia, por exemplo”, insisten as fontes sindicais. Pola mañá houbo concentración de sanitarios ás portas do Hospital. Nos centros de saúde das vilas, como en Xinzo, a folga pasou desapercibida salvo para determinados usuarios. 

NOTICIAS A LIMIA | Seguimento escaso entre o persoal sanitario na segunda xornada de folga