Venres. 09.12.2022
A Escola Rural de Saúde da Limia e a FEGADACE organizan sesións en cinco concellos

NOTICIAS A LIMIA | As xornadas sobre prevención do dano cerebral empezan o luns en Porqueira e Ganade

Celebración en Ganade a princios de mes do Día das Persoas Maiores, organizada pola Escola Rural de Saúde. FOTO Escola Rural de Saúde (FILEminimizer)
Celebración en Ganade a princios de mes do Día das Persoas Maiores, organizada pola Escola Rural de Saúde. | FOTO: Escola Rural de Saúde.

Froito da colaboración entre a Escola Rural de Saúde da Limia e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) chegan á Limia as xornadas de información sobre o dano cerebral adquirido, “cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia”, din as entidades organizadoras nun comunicado no que anuncian a celebración de seis sesións entre o próximo luns, día 17, e o mércores 19.


As xornadas terán como escenario os concellos de Xinzo, Porqueira, Vilar de Barrio, Sarreaus e Baltar, cos seguintes horarios e escenarios: o luns, ás 16:00 en Porqueira (Casa do Concello – A Forxa), e ás 18:00 en Ganade, Xinzo de Limia (Centro Social de Ganade); o martes, ás 16:00 en Arnuíde, Vilar de Barrio (Centro Social de Arnuíde), e ás 18:00 en Sarreaus (Forno do Pobo); e o mércores, ás 16:00 na Boullosa, Baltar (Teleclub de Boullosa), e ás 18:00 en Sampaio, Baltar (Centro Social de Sampaio). 


As actividades informativas están dirixidas a todo tipo de público, indican as organizadoras. Unha traballadora social da FEGADACE falará en cada sesión da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. “Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo á Limia: Asociación de Dano Cerebral Adquirido de Ourense, que se ocupa de toda a área sanitaria”, subliñan as entidades.

As xornadas son posíbeis grazas “ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda”, subliñan desde a FEGADACE.

Ademais da colaboración da Escola Rural de Saúde da Limia, as xornadas contan co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; “é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda”, explican desde a FEGADACE.


A Federación Galega de Dano Cerebral constituíuse en 2007 polas cinco asociacións galegas de dano cerebral: ADACECO (A Coruña), ADACE en Lugo, Alento (Vigo), DCA Ourense e Sarela (Santiago). Xuntas representan algo máis de 2.000 familias. 

Pola súa banda, a Asociación Escola Rural de Saúde da Limia (AERSL) é unha entidade sen ánimo de lucro de iniciativa social comunitaria cun percorrido de 11 anos. Parte da necesidade de preservar e potenciar o benestar integral das persoas do rural, tendo como eixo vertebral das súas actuacións a saúde dende unha perspectiva biopsicosocial e que faga sostible o arraigo das persoas onde moran.

NOTICIAS A LIMIA | As xornadas sobre prevención do dano cerebral empezan o luns en...
comentarios