A procesión con máis arraigo no concello volve despois de dous anos

NOTICIAS A LIMIA | A Virxe da Gracia cita aos máis fieis este domingo en Trasmiras

Capela da que partirán as procesións esta fin de semana en Trasmiras.

Apenas unha semana despois da Romaría da Virxe dos Remedios, Trasmiras volve estar de celebración. Hoxe comeza a Festa da Virxe da Gracia, na parroquia de Trasmiras, que vivirá o seu día grande este domingo coa misa no campo e a posterior procesión até a capela, que regresa despois de dous anos.

Hai ganas de festa e de sacar á Santa en Trasmiras. “A mesma tarde que se anunciou na misa que empezábamos a recoller doazóns para volver facer a festa, xa nos viñeron a casa algúns veciños traer os cartos. Iso axudou moito, porque a verdade é que este ano empezamos con algo de atraso a organizar”, di Sandra González, da comisión das festas.

Esta noite o programa arranca con cea veciñal (porco ao espeto, como menú), e unha verbena coa discoteca móbil A Gramola. O sábado pola mañá haberá pasarrúas a cargo da Escola de Música de Trasmiras, misa solemne e procesión, e sesión de orquestras, con Trío 3.com e Dolce Vita. 

A Virxe da Gracia, na súa capela. | FOTO: Comisión de Festas.

“O domingo é o día grande. Haberá a misa no campo da Pola da Santa e despois a procesión até a capela. A xente tenlle moita devoción á Virxe da Gracia, tanto en Trasmiras como en Soutelo, que fan parte da mesma parroquia. Moitos veñen no verán, marchan, e volven esta fin de semana para a festa”, explica Sandra, que comparte a organización con Julia, Leo e Rodrigo, os outros membros da comisión que conseguiron recadar máis de 12.000 euros.

A festa, as orquestras, estarán na Regadiña. O domingo, ademais da misa e procesión ás 13:00 horas, hai programada unha charanga e a actuación da orquestra Foliada, ás 19:30 horas. “O sábado pola noite coas dúas orquestras e o domingo na procesión é cando se xunta máis xente. Na procesión é tradición a poxa polas andas na que levan a Virxe. O momento de maior sentimento é cando se chega á porta da capela para gardar a Santa até o ano próximo”, conta Sandra. A última vez que a sacaron foi o ano pasado. Non houbo festa, mais aproveitaron que viña o Bispo inaugurar as obras na capela.