lunes. 11.11.2024

“A Residencia de maiores é do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, pero está privatizada. E hai un convenio entre o Consorcio e o Concello que nos temos denunciado por leonino, di o alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde (BNG). O Concello de Vilar de Barrio debería asumir un terzo dos gastos da Residencia, mais non o está a facer. 

A situación vén arrastrándose desde hai anos. “Non ten sentido facer un convenio entre o Consorcio, que é a Xunta, e un concello, e afogar economicamente ese concello”, quéixase Manuel Conde. 

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Vilar de Barrio asinaron o convenio de xestión do centro en xaneiro de 2009. “Os asinantes deste acordo foron Anxo Quintana, en calidade de vicepresidente de Igualdade e Benestar da Xunta e, como tal, Presidente do Consorcio; e Julio Pérez Carballo, como alcalde da localidade”, responde o gabinete de comunicación do Consorcio a unha consulta do Diario do Limia. 

A vixencia deste acordo era de dez anos que se prorrogan automaticamente por períodos de igual duración se ningunha das partes manifesta a súa oposición. O anterior goberno local, do PP, deixou de pagar, mais en maio de 2017, aínda con Pérez Carballo na alcaldía, decidiu non renunciar ao convenio. E o convenio prorrogouse até o 2029.

O Consorcio está asumindo o 100% do custe do funcionamento da Residencia, e mantén un contrato de prestación de servizos coa empresa Raiola, “que cumpre coas necesidades de persoal técnico e de atención directa regulado nos pregos e de acordo coa normativa vixente”, informa o Consorcio.

“O anterior goberno xa non cumpría e nós tampouco o estamos facendo, porque se cumprimos, pechamos o concello e entregámosllo ao Consorcio”, di Manuel Conde. 

Conde prefire non desvelar a cifra que cada ano debería entregar ao Consorcio. “Teriamos que poñer algo así como a metade dos custes que supón a Residencia, e sen participar na xestión”, di. “Non sei a cifra exacta, pero imaxínese o que custa manter o centro en funcionamento”.

“Se non decide acollerse ao novo modelo, se lle practicarán as liquidacións desde 2017 de acordo co que establecía o convenio anterior”, ameaza o Consorcio.

 

O centro, informa o Consorcio, é de 24 prazas, “tendo ocupadas arestora 23”. E matiza: o convenio fixa que o Concello debe asumir un terzo dos gastos totais “de xestión integral do centro, aínda que pode imputar nese terzo os gastos de mantemento do edificio, de ser o caso”. No caso de Vilar de Barrio non está asumindo eses gastos.

“Temos boa relación coa Residencia e hai unha colaboración en todo, pero a xestión é totalmente privada, por iso non podemos falar de números”, insiste o alcalde. 

Residencia Vilar de Barrio (2)
Residencia de mairores de Vilar de Barrio.

A negociación está aberta. Pero non se pecha. Desde o Consorcio indican que a saída está nun acordo entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP (Federación Galega de Municipios) no que se pactou un novo réxime de co-financiamento para todos os centros xestionados polo Consorcio, co obxecto de homoxeneizar para todos os concellos un mesmo modelo. 

Temos que mirar para adiante. Eu busco sempre acordos institucionais no Concello de Vilar de Barrio, porque a situación do concello é tan decrépita que non nos queda outra que as Administracións nos saquen do pozo”, di o alcalde, Manuel Conde.

“É un novo modelo aplicábel a todos os convenios preexistentes”, din desde o Consorcio. E apuntan que “recentemente” se lle ofreceu a Vilar de Barrio a posibilidade de acollerse ese novo modelo de co-financiamento dos centros do Consorcio (escolas infantís e centros de maiores), “que lle resultaría máis beneficioso economicamente”.

Vilar de Barrio, o seu alcalde, e o Consorcio continúan o tira e afrouxa. O Consorcio quere que Vilar de Barrio se sume ao novo modelo de co-financiamento. E advirte, na súa resposta ao Diario do Limia: “Se non decide acollerse ao novo modelo, se lle practicarán as liquidacións desde 2017 de acordo co que establecía o convenio anterior”.

“Non vou falar do que fixo esta ou aquela corporación. Temos que mirar para adiante. Eu busco sempre acordos institucionais no Concello de Vilar de Barrio, porque a situación do concello é tan decrépita que non nos queda outra que as Administracións nos saquen do pozo”, di Manuel Conde, e mantén o convencemento de que as negociación darán os seus froitos.

NOTICIAS A LIMIA | A Xunta ameaza a Vilar de Barrio con cobrar a débeda desde 2017...