lunes. 07.10.2024

Representantes da Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia entregaron esta mañá ao presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández, a solicitude para que se lle dedique o Día das Letras Galegas de 2024 ao poeta limiao Antón Tovar (Rairiz de Veiga, 1921 - Ourense, 2004). Foi autor de sete poemarios que van de Arredores, publicado no 1962, ata Cadáver adiado, do 2001, pasando por outras obras como o conxunto de relatos A grande ilusión e outros contos, de 1990.

Considerado unha das "voces líricas máis importantes da literatura galega na segunda metade do século XX", no vindeiro ano cumpriranse dúas décadas do pasamento de Tovar e por iso, dende o Museo da Limia, consideran que é unha boa ocasión para homenaxear a este "poeta maiúsculo", como o cualificou o académico Xesús Alonso Montero. O presidente do padroado, Delfín Caseiro; xunto co coordinador do museo, Antón Jardon; a secretaria Sabela Rodríguez e a vogal Mercedes Veites, tamén presidenta da Asociación de Artesáns Limiar, entregaron a petición na sede da RAG.

Ademais do expediente da solicitude, déronlle ao representante da RAG un exemplar do libro Antoloxía poética de Antón Tovar, editado por Xerais. Caseiro, tamén catedrático de Lingua e Literatura Galega, é o coordinador e autor da biografía que inclúe esta publicación que promoveu o Museo da Limia para divulgar a obre e vida do escritor. A obra conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e un prólogo do que tamén foi presidente da RAG, o profesor Xesús Alonso Montero, xunto con 67 poemas e ilustracións do artista limiao Xosé Lois Carreira.

 

Dito expediente tamén recolle noticias xornalísticas sobre a exposición e os actos celebrados no Museo da Limia o pasado 2021, con motivo do centenario do nacemento de Tovar; varios artigos de opinión asinados por Xesús Alonso Montero, Delfín Caseiro, Antón Jardón e Xosé Lois García, así como as acreditacións de boa asistencia que tiveron as tres presentacións de Antoloxía poética no propio Museo da Limia, no Liceo de Ourense e na Libraría Cartabón de Vigo.

A todo isto súmanselle as máis de 250 adhesións e sinaturas coas que se solicita a dedicación do Día das Letras Galegas do ano 2024 a Antón Tovar, onde destacan os representantes políticos Asunción Morgade, alcaldesa de Rairiz de Veiga; Antonio Míguez, alcalde de Vilar de Santos; Elvira Lama, alcaldesa de Xinzo; Emilio Pazos, alcalde de Trasmiras; e o parlamentario Carlos Gómez Salgado. Tamén figuran ex rexedores como Francisco Rodríguez, de Ourense; Arturo Casas e Xan Jardón, de Vilar de Santos; Francisco Majide, de Parada do Sil; e Arcadio González, de Vilariño de Conso.

Políticos, asociacións culturais, escritores, investigadores, artistas e familiares de Antón Tovar uníronse á petición para que se lle dediquen as Letras Galegas de 2024

O propio Padroado do Museo da Limia, a Asociación Limiar, o Grupo "Pedro González de Ulloa" de Estudos Históricos da Limia, o Centro de Cultura Popular do Limia e o Liceo de Ourense son entidades culturais que se sumaron a esta petición. Igualmente, inclúense os escritores Antón Riveiro Coello, Luis Álvarez Pousa, director da revista Tempos Novos; Ramón Nicolás, Isaac Alonso Estraviz, Xosé Antón Pérez Bouza, Manuel Fontemoura, Carmen Agulló, presidenta de la Societat d´Historia de la Educació dels País de Llengua Catalana, filial de l´Institut de estudis Cataláns; Rafael Laso, Federico Cocho, Gonzalo Iglesias Sueiro, Cándido Paniagua, Manuel López Martínez, Xoán C. Domínguez Alberte, César Cunqueiro e Manuel Seoane.

 

Investigadores e estudosos como Xosé Carlos Sierra, Antonio Rodríguez Colmenero, Edelmiro Martínez Cerredelo, Antía Quintana, Ramón Quintana, Manuel García Valdeiras, Álex de los Ríos,  Avelino Muleiro, Xosé González Martínez, de A. Funcionarios Lingua Galega; Xosé Manuel García Díaz, director da UNED Ourense; e Xosé Ramón Martínez, da libraría TancoOs autores de libros de fotografía Conchita Rúa e Blas González, así como os artistas plásticos Xosé Lois Carreira e Baldomero Moreiras, tamén figuran na petición como os músicos Sindo Otero, Manuel H. Iglesias, Antonio Feijóo, Xoán Fonseca.

Por último, os familiares do autor Margarita Tovar, Milagros Tovar, Enrique Tovar e Domingos Bobillo, súmanse á petición para que o Día das Letras Galegas de 2024 se lle dedique a Antón Tovar.

Representantes do Padroado do Museo da Limia na sede da RAG na Coruña.
Representantes do Padroado do Museo da Limia na sede da RAG na Coruña.

NOTICIAS A LIMIA | Entregan na RAG a solicitude para dedicar a Antón Tovar as Letras...