sábado. 05.10.2024

Este sábado, 11 de marzo, os Premios Mestre Mateo celébranse no Auditorio de Ourense, cunha gala na que se estreará unha nova formación musical da provincia. A Xove Orquestra Sinfónica Ourensanía prepara estes días na Escola de Música da Limia (Esmuli) tan importante cita, con constantes ensaios para que nada falle.

A orquestra, formada por máis de 40 persoas, porá o toque musical da gala dos Mestre Mateo baixo a batuta de José Luis Tielas, que é o director musical e artístico da banda e ademais da Esmuli e da Agrupación Musical da Limia. Sobre o escenario, alumnos da Esmuli, da Escola de Celanova e dos conservatorios de Verín e Ourense, serán os encargados do acompañamento desta cerimonia que organiza a Academia Galega do Audiovisual.

O proxecto, que intentou xurdir no 2020, tivo que agardar. Agora, preséntase unha gran oportunidade para darse a coñener nunha gala que se poderá ver en directo pola Televisión de Galicia. "Pareceunos o momento máis axeitado para empezar o proxecto", dicía recentemente Tielas a este xornal, cando se coñeceu que a Xove Orquestra Sinfónica Ourensanía participaría na cerimonia dos Premios Mestre Mateo.

 

Na gala, os máis de 40 músicos non estarán sós. A cantautora solista Silvia Penide acompañaraos nalgunhas interpretacións. Ademais, María Mendoza, codirectora da orquestra e compositora da música, e Myriam Cortizo, encargada da produción e membro da Orquestra Vigo 430; non faltarán nesta gran estrea da que é a primeira formación enfocada aos instrumentos de corda. "En Ourense non hai ningunha orquestra deste tipo", destaca Tielas.

Aparecer nos Premios Mestre Mateo outórgalles a posibilidade de visibilizar a súa formación, xa que queren involucrar aos ourensáns, conservatorios e escolas de música da provincia neste proxecto, de aí o nome de Ourensanía. Polo pronto, contan coa promesa de apoio por parte da Deputación provincial.

O máis inmediato é preparar esta primeira actuación, pero logo virán máis. Na mente da dirección da formación está preparar unha xira pequena por auditorios da provincia para darse a coñecer e tamén para que o proxecto siga medrando, captando a posibles novos integrantes.

NOTICIAS A LIMIA | A Xove Orquestra Ourensanía preparou en Xinzo a súa estrea nos...