lunes. 29.04.2024

A Xunta de Galicia, a través do seu Comité Permanente de Coordinación, no marco das actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, declara hoxe o nivel de alerta 1 (amarelo) nas zonas do interior denominadas Sur de Lugo e Montaña de Ourense, e o nivel 2 (laranxa) na zona de Valdeorras.

Masa de aire cálida

A situación meteorolóxica vai quedar caracterizada en Galicia ata a xornada do xoves pola chegada dunha masa de aire cálida que deixará temperaturas moi elevadas. Hoxe luns as temperaturas superarán xa os 35ºC en puntos de Ourense e sur de Lugo.

Martes e mércores serán os días de máis calor, con termómetros por riba dos 40ºC en zonas de Ourense e dos 35ºC no resto de Galicia, aínda que o martes no extremo norte aínda poderían manterse un pouco por baixo.

Xa o xoves empezará a descender un pouco a temperatura, sobre todo polo litoral, onde empezarán as brisas e isto achegará algunha nube baixa ou néboa, aínda que as temperaturas manteranse altas. No interior seguirá a calor, pero xa con temperaturas por baixo dos 40ºC. Agárdase entre venres e sábado unha caída notable das temperaturas que previsiblemente fará que remate este episodio de calor en toda a Comunidade.

Efectos sobre a saúde

A exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareo, cansazo, debilidade, fatiga e cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpe de calor. A maioría das enfermidades asociadas á calor son consecuencia máis ou menos grave dun fallo no sistema de termorregulación.

A calor excesiva pode alterar as nosas funciones vitais se o corpo humano non é capaz de compensar as súas variacións de temperatura. Unha temperatura moi elevada produce perda de líquidos e de electrólitos que son necesarios para o funcionamento normal dos distintos órganos. Ademais, os mecanismos de termorregulación poden verse descompensados nalgunhas persoas con determinadas enfermidades crónicas, sometidas a certos tratamentos médicos e con discapacidades que limitan a súa autonomía.

As persoas maiores e os nenos e nenas moi pequenos son máis sensibles a estes cambios de temperatura.

Recomendacións

Ante as altas temperaturas que se van rexistrar e que se van manter ao longo da semana, a Consellería de Sanidade quere, así mesmo, facer chegar á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor. Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a quince.

Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sos, é convinte facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.

Alerta amarela por temperaturas por riba dos 40º este martes e mércores