sábado. 05.10.2024

Para as 10:00 horas deste venres está prevista a apertura ao público do recinto feiral de ALIMAGRO, a Feira da Pataca e Maquinaria Agrícola da Limia, nos dous espazos que acollen aos expositores: a explanada do Toural e o pavillón de deportes, acondicionados desde onte para albergar o maior evento anual de promoción do sector primario na comarca, e un dos máis importantes da provincia xunto as feiras do viño. O Toural será escenario esta vez dunha reunión de carácter festivo e comercial, despois de que a finais de marzo pasado servise para mostrar o malestar dos produtores coa pasividade das distintas Administracións diante da crise de prezos.


Amador Díaz, presidente da asociación de pataqueiros, concelleiro de medio rural en Xinzo e cabeza das negociacións coa Xunta e co Estado para alcanzar o acordo que permitirá poñer en marcha unha infraestrutura de regadío en máis de 3.000 hectáreas de catro comunidades de regantes, é o organizador da Feira e o martes, na demorada presentación do evento, indicou que ALIMAGRO ten un obxectivo moi preciso: “a promoción do cultivo por excelencia desta comarca, a pataca”.


ALIMAGRO comezou onte cunha xornada de conferencias na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, que se centrou na innovación na fertilización e trouxo a representantes de empresas radicadas no sur de España. Tamén, a un representante da Administración autonómica de Castela e León, José Guirao, que durante unha hora explicou as dificultades técnicas, administrativas e de conciliación de intereses dos diversos actores que supón elaborar unha declaración de zona afectada por contaminación por nitratos, un proceso que, aconsellou, debe comezar a Administración galega canto antes.


Hoxe, o acto de inauguración oficial, coa presencia da alcaldesa, Elvira Lama, terá lugar no Toural ás 12:00 horas. Antes, no Centro Agrogandeiro do Inorde terá lugar unha charla divulgativa sobre os valores nutricionais da pataca (11:00 horas), a cargo de Pablo Fonseca, da compañía Compo-Expert.  


Para as 13:00 horas está prevista a exhibición de cociña en directo polo cociñeiro Víctor Burgos, que anuncia diversas elaboracións con patacas, tenreira, polbo, xamón e pan de Cea. Ás 13:30 horas está programada a degustación.


O recinto feiral permanecerá aberto até as 21:00 horas de hoxe, e mañá volverá a abrir ás 10:00 horas. Na explanada do Toural, a organización ofrece mini-tractores para que cativas e cativos poidan gozar tamén da feira.

🚜 ALIMAGRO | Os tractores volven ao Toural, pero desta volta para festexar