A alcaldesa e o concelleiro de Urbanismo visitaron esta mañá as instalacións

AVANCE | As piscinas exteriores de Xinzo abren este sábado ás 14:00 horas con dúas xornadas de entrada libre

Traballo esta semana nas piscinas exteriores de Xinzo.

"Os técnicos están facendo a limpeza do fondo da piscina co robot, porque colleu bastante lixo pola obras e xa levan dous días con iso. Pero xa podemos dicir que as piscinas abrirán hoxe, a partir das dúas da tarde, con todo listo", avanzou a alcaldesa, Elvira Lama, pouco antes das dez da mañá, despois dunha visita ás instalacións acompañada polo edil de Urbanismo, Ramón Gómez.


Elvira Lama tamén adiantou que tanto hoxe como mañá haberá "portas abertas", para "compensar un pouco este atraso e as molestias que se puideron ter ocasionado". Na visita, os responsábeis políticos mantiveron un encontro con persoal da piscina climatizada, desde hai unhas semanas xa persoal do Concello de Xinzo, que desde hoxe se vai encargar da seguridade e da limpeza das instalacións exteriores.


"As analíticas están correctas, xa se comunicou a apertura a Sanidade e, a partir de aí, eles visitarán as piscinas supoño que nos primeiros días da próxima semana", explicou Lama. A respecto da piscina climatizada, a alcaldesa informou que pechará desde mañá (hoxe aínda permanecía aberta) "porque o persoal xa ten que pasar a estas piscinas e xa teñen os cadrantes feitos para atender ao público nas mellores condicións".


A apertura das piscinas exteriores estaba inicialmente prevista para o pasado 1 de xullo. Abrirán unha semana despois por causa do atraso nas obras, segundo indicou o concelleiro de Urbanismo no pleno do pasado xoves. En canto á piscina climatizada, o goberno local tomou a decisión de pechalas o pasado mes de xuño, mais non informou nin a usuarias nin á veciñanza até esta semana, cando o asunto saltou á opinión pública. O peche no mes de xullo é o primeiro nos 22 anos que leva en funcionamento a instalación, e obrigará a 104 abonadas e outros usuarios a buscar alternativas que a piscina exterior non ofrece.