miércoles. 10.06.2026

A Banda Sinfónica Galega (BSG) acadou o primeiro premio e unha mención de honra na 137.ª edición do Certame Internacional de Bandas de Música Ciutat de València, na sección libre. A formación, composta integramente por músicos galegos e dirixida polo mestre David Fiuza, logrou 352 dos 400 puntos posibles. Nela, participan dous integrantes limiáns -Nicolás Montero (percusionista) e Marta Diz -clarinetista e concertina da banda- e o director da Agrupación Musical da Limia, o mestre José Luis Tielas, na súa condición de vicepresidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares
 

Talento galego en escena

Este proxecto, impulsado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), reuniu a 64 mozos e mozas de entre 15 e 28 anos, procedentes de diversas bandas galegas. A actuación enmarcouse dentro do XVII Encontro da Banda Sinfónica Galega (BSG). A interpretación do repertorio no Palau da Música de València impresionou ao xurado, formado por destacadas figuras como Salvador Sebastiá e Colleen Richardson.

Repertorio con selo galego

A BSG preparou a súa actuación durante unha intensa semana en Lugo, onde ensaiaron un variado repertorio de alto nivel. As obras interpretadas o día do certame foron de autoría galega, reflectindo a calidade das novas xeracións de compositores.

A primeira peza, "Bodas de Sangre" de León Durán, é un poema sinfónico de 2022, inspirado na traxedia de Federico García Lorca. Esta composición obtivo o primeiro premio con mención de honra no I Concurso Internacional de Composición Emili Giménez Bou e foi estreada en Galicia pola propia Banda Sinfónica Galega. A segunda obra foi "Choivas das Cíes", de Luís Serrapio Fernández, unha peza que ilustra maxistralmente os distintos tipos de choiva nestas illas.

A dirección artística do proxecto recaeu en David Fiuza, un director cunha recoñecida traxectoria á fronte de agrupacións galegas como a Banda Unión Musical de Meaño ou a Banda Artística de Merza.

Este logro destaca o nivel e o compromiso da música sinfónica galega a nivel internacional.

A Banda Sinfónica Galega triunfa en Valencia con dous limiáns: primeiro premio e...