O BNG aposta pola participación e o estudo previo para definir o futuro auditorio | NOTICIAS XINZO
O BNG de Xinzo de Limia continúa a desenvolver a súa proposta alternativa para o futuro auditorio da vila, unha iniciativa que, segundo explica a formación, pretende basearse na planificación, no coñecemento e na participación.
O equipo encabezado por Camilo Vila considera que unha infraestrutura destas características debe partir da análise de experiencias xa existentes. Con ese obxectivo, o grupo local iniciou un percorrido por diferentes auditorios de Galiciapara coñecer o seu funcionamento, os seus modelos de xestión, os servizos que ofrecen e as dificultades ás que tiveron que facer fronte.
Ata o momento, o BNG visitou os auditorios de Celanova, Verín, Redondela, Cangas e Tomiño, localidades seleccionadas tanto pola súa proximidade como por compartir características semellantes con Xinzo de Limia en canto á poboación e á súa área de influencia.
Segundo sinala Camilo Vila, "destas viaxes traemos cadernos cheos de notas e unha aprendizaxe imprescindible para comprender a verdadeira dimensión que un auditorio pode ter desde o punto de vista social, cultural e económico".
A formación indica que este traballo compleméntase cunha rolda de encontros con persoas e colectivos vinculados á música e ás distintas disciplinas artísticas de Xinzo, co obxectivo de recoller propostas antes da elaboración de calquera anteproxecto. O BNG considera que o futuro equipamento debe deseñarse contando coa opinión de quen fará uso habitual del.
No comunicado, o grupo tamén manifesta que lamenta que o Grupo de Goberno rexeitase a súa proposta para abrir un proceso participativo no que estivesen representadas todas as forzas políticas e a veciñanza. Ademais, critica que os primeiros pasos impulsados polo Concello de Xinzo de Limia consistisen en encargar traballos escolares a alumnado de centros privados, en lugar de promover un concurso público de ideas dirixido a profesionais.
O BNG asegura que nas próximas semanas continuará ampliando as visitas a novos auditorios e mantendo contactos co tecido cultural local co propósito de seguir elaborando unha proposta que considera rigorosa, participada e adaptada ás necesidades actuais e futuras do municipio.