O BNG pide investigar o apagamento dixital que afectou a Xinzo e Verín | NOTICIAS OURENSE
A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, rexistrou este venres, 15 de maio de 2026, diversas iniciativas dirixidas ao Goberno do Estado para esixir unha investigación de oficio sobre o apagamento dixital que deixou sen conexión a miles de persoas na provincia de Ourense.
O corte das telecomunicacións, que se estendeu durante case 24 horas entre os días 7 e 8 de maio, afectou de maneira crítica á actividade económica, aos servizos básicos e á vida diaria da veciñanza. A formación nacionalista demanda que as operadoras apliquen indemnizacións automáticas aos abonados afectados, tal e como establece a lexislación vixente.
O colapso masivo afectou a usuarios de compañías como Vodafone, Lowi, Orange ou R, deixando sen acceso a internet e telefonía a comarcas enteiras. As primeiras hipóteses sobre a orixe da avaría apuntan a un corte accidental da rede durante unhas obras viarias en Xinzo de Limia, aínda que tamén se barallan os efectos dunha tormenta sobre o cableado subterráneo.
Segundo a denuncia rexistrada, as consecuencias foron de extrema gravidade, afectando a servizos sanitarios, farmacias sen acceso a receitas, ambulancias sen comunicación e a parálise de negocios e administracións públicas.
Neste sentido, a senadora nacionalista subliñou que o Real Decreto 899/2009 obriga ás compañías a compensar automaticamente aos abonados cando a interrupción supera as seis horas en horario comercial.
Carme da Silva cualificou de intolerábel que algunhas operadoras se neguen a aplicar estes descontos de oficio e reclamou a intervención directa do Ministerio de Transformación Dixital e da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC). A iniciativa busca aclarar a falta de transparencia e a vulnerabilidade do sistema de comunicacións na provincia.
O BNG demanda que se depuren responsabilidades e se impoñan as sancións pertinentes se se confirman incumprimentos da normativa de protección ao consumidor.
A proposta institucional pretende garantir que os veciños de Ourense non reciban servizos de menor calidade que noutras zonas do Estado e que se establezan as garantías técnicas necesarias para evitar novos episodios de illamento dixital. A parálise de case un día enteiro puxo de manifesto a dependencia extrema das novas tecnoloxías en todos os ámbitos da sociedade provincial.
