sábado. 27.06.2026

O BNG de Xinzo vén de presentar unha moción co obxectivo de achegar a Gala de Cultura á cidadanía e garantir un proceso transparente na súa organización. A iniciativa foi rexistrada polos concelleiros Camilo Vila e Manuel Pozo, quen apostan por dotar o evento dunhas bases claras que regulen todo o procedemento, desde a selección das candidaturas ata a conformación do xurado e as distintas categorías.

 

A proposta nacionalista busca fomentar a participación directa da veciñanza, permitindo que sexan os propios habitantes do municipio quen poidan realizar suxestións e propostas para o desenvolvemento das futuras edicións. Vila e Pozo lembran que a Gala de Cultura celebrouse unicamente nos anos 2023 e 2024, polo que consideran necesario avanzar cara a un modelo consolidado e cunha maior implicación social.

 

O BNG sostén que este tipo de galas "pretende disimular a falta de traballo real de fomento da participación cultural" e que, polo tanto, sería axeitado revisar mesmo a súa continuidade. Porén, e ante a intención do goberno municipal de mantelas no tempo, insisten en que estas deben levarse a cabo "con rigor".

 

A formación nacionalista defende que o compromiso de todas as forzas políticas e a creación dun procedemento consensuado e estable son factores clave para que as iniciativas culturais non dependan dos ciclos electorais, senón que se convertan nun proxecto duradeiro e representativo da vitalidade creativa existente no concello.

O BNG quere ter voz e voto na Gala da Cultura de Xinzo