Dous anos despois da súa adquisición, a instalación permanece sen uso e cada día máis deteriorada

O BNG de Xinzo denuncia o abandono do edificio da Cidá e reclama acción inmediata

Edificio da Cidá, Morgade.

Dous anos despois de que o Concello de Xinzo de Limia adquirise o edificio da Cidá, situado en Morgade, a instalación segue sen uso e mostra un deterioro cada vez máis evidente.

O BNG lamenta a falta de avances e esixe ao goberno municipal que defina canto antes un proxecto que permita recuperar o inmoble e poñelo ao servizo da veciñanza. O edificio, antigo centro propiedade da Fundación San Rosendo, acumula sinais de abandono. "Canto máis tempo pase, máis difícil e custosa será a súa rehabilitación e cada día que pasa é unha oportunidade perdida", advertiu o voceiro municipal, Camilo Vila.

Desde o Bloque lembran que, xa no momento da adquisición, alertaran sobre a necesidade de evitar que o espazo quedase sen función concreta, propoñendo adicalo a usos sociais.

A formación nacionalista defende que o edificio podería converterse nun motor para unha zona afectada polo despoboamento como A Limia. Entre as propostas trasladadas ao Grupo de Goberno destacan a creación dunha incubadora de proxectos, un centro de impulso ás iniciativas emprendedoras e outros programas orientados á mocidade.

Vila insistiu en que a comarca precisa medidas estruturais: "Mentres sigamos acusando esta sangría, de pouco vale engalanar as dúas obras que se fan; cómpren políticas transformadoras que aposten de verdade pola xente".

O BNG pide ao goberno local que actúe con urxencia para evitar un maior deterioro e aproveitar o potencial dun edificio que consideran estratéxico para o desenvolvemento social e económico da zona.