O BNG de Xinzo, a través dos concelleiros Camilo Vila e Manuel Pozo, manifestou a súa preocupación pola calidade da auga na comarca da Limia e pola ausencia de plans eficaces que revertan unha situación con "incalculables consecuencias".
A advertencia chega poucos días despois da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que responsabiliza á Xunta da contaminación das augas na zona, tras a denuncia da veciñanza da contorna das Conchas. A decisión xudicial foi rexeitada pola Consellería de Medio Ambiente, que anunciou o seu recurso, unha postura cualificada polo BNG como "profundamente desacertada".
"É hora de que a Xunta asuma o problema que temos diante e traballe nas solucións", subliñaron Vila e Pozo, que ven "imprescindible" un plan de acción baseado en dúas liñas: transparencia total sobre as causas, analíticas e estado da auga, e un investimento económico que permita acometer actuacións para garantir o futuro da Limia.
Os nacionalistas tamén lanzan un aviso ao propio Concello de Xinzo, lembrando que nas últimas semanas se detectaron problemas de calidade da auga noutros municipios da comarca como Calvos de Randín e Os Blancos.
