INFRAESTRUTURAS NO RURAL

O Concello de Xinzo adxudica 50.000 euros para renovacións de firme en Ganade

Estado actual de Souto (Ganade).

O Concello de Xinzo de Limia segue a despregar a súa folla de ruta para o mantemento dos núcleos rurais coa adxudicación das obras de mellora viaria na localidade de Ganade. A intervención, que se enmarca dentro da estratexia municipal "Xinzo Paso a Paso", supón un investimento total de 48.387 euros, unha cantidade que o goberno local asumirá integramente con fondos propios. A execución dos traballos correrá a cargo da empresa Obras e Estradas Carreira Bella.

O obxectivo desta actuación é realizar unha posta a punto integral de practicamente todo o pobo, buscando incrementar a seguridade e a comodidade do tránsito diario dos veciños. As tarefas centraranse na aplicación de rego asfáltico e en labores de bacheo para corrixir o deterioro do firme nunha longa lista de zonas. En concreto, a maquinaria traballará nos barrios de O Forno, Do Concello, Dices, Rial, A Barxa, O Barrio, Souto e Casares.

O concelleiro de Obras e Mobilidade, Ramón Gómez, valorou esta adxudicación como o cumprimento dunha promesa co rural antes de rematar o exercicio: "Pechamos o ano cumprindo co noso compromiso de adxudicar obras nos núcleos con recursos propios". Gómez subliñou que en Ganade acometerase unha renovación do viario "tocando a maioría dos barrios para responder con feitos ás necesidades da veciñanza". Con esta medida, o executivo local busca garantir que as infraestruturas básicas de todas as parroquias se manteñan nunhas condicións óptimas de conservación.