O Concello de Xinzo e a asociación ProLimia poñen en marcha mañá unha nova campaña para fortalecer o comercio local durante o Nadal coa activación dos "Bonos ProLimia". Trátase dun sistema de apoio directo ao consumo no que cada veciño poderá adquirir un bono por 35 euros e obter 50 euros en vales para gastar nos establecementos da vila, distribuídos en cinco tarxetas de 10 euros.
A venda dos bonos realizarase este venres 12, de 12:00 a 14:30 e de 17:00 a 19:00 horas, e o sábado 13 na "Casiña do Pai Noel" da Praza Maior. Para favorecer que a iniciativa chegue ao maior número de fogares, establécese un máximo de dous bonos por persoa e será preciso presentar o DNI. As tarxetas terán validez ata o 6 de xaneiro.
A campaña complétase coa creación do "Pasaporte ProLimia", unha cartilla que permitirá entrar no sorteo dun cruceiro para dúas persoas. Para competir no premio, os participantes deberán realizar compras mínimas de 30 euros e conseguir seis selos en seis comercios distintos. Unha vez cuberto, o pasaporte entrará automaticamente no sorteo, co obxectivo de fomentar a rota de compras polo comercio de proximidade.
