O Concello de Xinzo de Limia programa unha xornada de diversión en Pazolandia, o parque de atraccións de Nadal situado en Ourense, dirixida a rapaces e rapazas de 8 a 14 anos. A excursión celebrarase o venres 26 de decembro en horario de mañá.
A actividade forma parte das propostas de lecer e ocio que o Concello ofrece durante estas festas para a mocidade do municipio. O evento permitirá que os participantes disfruten dunha xornada lúdica con múltiples atraccións e xogos adaptados ás idades previstas.
As inscricións xa están abertas e o Concello habilitou un total de 100 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. As familias interesadas poden formalizar a matrícula desde hoxe na Casa da Cultura de Xinzo de Limia.
O Concello anima á participación e lembra a importancia de respectar as medidas de seguridade e cumprir os requisitos de idade establecidos para esta xornada.
