A Deputación de Ourense, a través do Inorde, vén de editar o Programa Provincial do Entroido 2026, unha ferramenta fundamental para a promoción turística que busca dar a coñecer esta celebración etnográfica tanto entre a veciñanza como entre os visitantes. A publicación, que se comezou a editar no ano 2017, será distribuída en locais de hostalería e oficinas de Turismo de toda a provincia, ademais de estar dispoñible para a súa consulta dixital na web do Diario do Limia (preme aquí).
O documento recompila máis de 350 actos previstos en máis de 65 localidades pertencentes a 39 concellos, que se desenvolverán principalmente entre o 7 e o 22 de febreiro, aínda que a práctica totalidade dos municipios ourensáns conta con eventos vinculados a esta festa. A guía destaca a importancia de Ourense no mapa do Entroido, xa que a provincia aglutina sete das once festas galegas declaradas de Interese Turístico. Entre elas figuran o Entroido de Xinzo de Limia (Interese Turístico Internacional) e o de Verín (Interese Turístico Nacional). A esta categoría nacional sumáronse nesta edición, por primeira vez, os entroidos de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso —presentados en Fitur como "Entroidos do Oriente Ourensán"—, mentres que os de Maceda e Laza, manteñen o selo de Interese Turístico Galego.
Como complemento á programación festiva e coincidindo con estas datas, a Deputación procedeu á apertura do Museo Galego do Entroido, situado en Xinzo de Limia. Este espazo expositivo permanecerá aberto ao público, inicialmente, ata o vindeiro mes de xuño, reforzando así a oferta cultural vinculada ao ciclo do Entroido na provincia.
