O xornalista Diego Freire Fernández, director do medio dixital Noticias Dispersas, foi galardoado co premio ao mellor traballo na trixésimo quinta edición do Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, que outorga de xeito anual a Deputación de Ourense. Segundo detallan as fontes do xurado, a peza audiovisual galardoada, titulada “Quen contamina a Limia”, destaca por incluír de xeito moi estruturado todas as perspectivas arredor dun problema de enorme transcendencia social e ambiental para toda a comarca de A Limia, facilitando datos de sinxela comprensión a través dunha linguaxe rigorosa e de gran calidade técnica. Este traballo de investigación orixinal está dotado cunha contía económica de 4.000 euros.
Nesta mesma edición do certame provincial, o veterano profesional Francisco González Sarria, máis coñecido como Paco Sarria, foi distinguido co premio honorífico á traxectoria profesional. O xurado recoñeceu deste xeito a súa de máis de corenta anos de exercicio de calidade, a súa honestidade no labor informativo diario e a defensa activa do colectivo desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Desde este xornal queremos trasladar a nosa máis sincera felicitación a un dos grandes referentes históricos das ondas e da información no noso territorio.
Así mesmo, desde a redacción do Diario do Limia queremos felicitar de xeito moi especial aos nosos compañeiros do Diario do Támega polo accésit outorgado a Xosé Lois Colmenero polo seu traballo de proximidade titulado “Ourense baixo o lume: compromiso, risco e resultado”. O xurado valorou que, desde un medio de comunicación de pequena dimensión, o seu equipo ofrece un seguimento pegado á veciñanza que non perde en ningún momento a perspectiva crítica nos asuntos máis transcendentes que afectan ao rural de Monterrei e de toda a provincia. O galardón, dotado con 1.000 euros, premia un labor incansable no territorio.
