Doce equipos crean a Asociación Ourensá de Clubs de Baloncesto Base | NOTICIAS XINZO
Este xoves 2 de xullo creouse a Asociación Ourensá de Clubs de Baloncesto Base (AOCBB), que estará formada por 12 clubs pertencentes á Delegación Zonal de Ourense da Federación Galega de Baloncesto.
Ás 20:00 horas da xornada, estaban convocados todos os clubs de baloncesto base da delegación na Sala de Xuntas das Federacións no Couto, en Ourense. Tras dúas horas de explicacións sobre os fins da asociación e os seus Estatutos por parte dos clubs promotores, e logo do debate das diferentes posturas dos clubs asistentes, 12 clubs decidiron formar parte da entidade e asinaron os Estatutos e a Acta Fundacional.
Os clubs fundadores son: CBF Barco, EDO Blanco Amor, AD Bosco, CB Burgas, Carmelitas, BXL Celanova, CB Deordima, CB Val de Lemos, Club Maristas, CD María Trinidad Miraflores, CB Xuventude Verín e AB Xinzo. O resto de clubs quedan invitados a sumarse cando o desexen.
A AOCBB rexerase pola súa Asemblea Xeral, na que cada club terá un voto. A Xunta Directiva será un órgano representativo ante as institucións e entidades, e renovarase ao final de cada tempada de competición, no mes de xullo de cada ano.
Entre os fins principais da asociación figuran potenciar o baloncesto base dos clubs asociados no ámbito da Delegación de Ourense, velar polo respecto e a boa relación entre os clubs, representalos ante a Federación Galega de Baloncesto e outras institucións, defender os seus dereitos, conseguir melloras económicas ou de instalacións, promocionar o baloncesto base e organizar eventos de formación para xogadores e adestradores.
O vindeiro martes 7 de xullo celebrarase a primeira reunión oficial coa Federación Galega de Baloncesto, presidida por Julio Bernárdez.