domingo. 17.05.2026

A Federación de Mulleres Rurais de Ourense (FEMURO) puxo en marcha o proxecto "ConSentido", unha iniciativa educativa impulsada coa ONG Educo e cofinanciada pola Comisión Europea. O obxectivo é promover o autocoñecemento, a educación afectivo-sexual e o respecto polos límites persoais entre o alumnado de 6 a 16 anos, fomentando a prevención de violencias na infancia e adolescencia desde idades temperás.

 

A primeira quenda de obradoiros desenvolveuse o 10 de novembro no IES Cidade de Antioquía, en Xinzo de Limia, e o 11 no IES O Ribeiro, en Ribadavia. Os encontros continuarán os días 17, 18 e 19 no CPI Carlos Casares, en Xinzo de Limia, e tras o Nadal retomarase o programa con novas sesións. Os centros interesados poden anotarse a través do correo social@femuro.org.

 

Segundo explican desde FEMURO, a elección de centros rurais responde á necesidade de achegar formación específica a contornas que non sempre dispoñen de recursos ou programas sobre igualdade e educación afectivo-sexual. "Na cidade, este tipo de actividades son máis habituais, pero no rural o acceso é limitado. Levar estas ferramentas a vilas pequenas garante unha igualdade real de oportunidades", destacan.

 

Os obradoiros realízanse en grupos reducidos, o que facilita a creación de espazos de confianza e participación. Durante as sesións combínanse dinámicas participativas, técnicas de interpretación e diálogo directo, adaptadas á idade do alumnado. Nas aulas de primaria trabállase o autocoñecemento, a autoestima e o respecto polos límites, mentres que na secundaria abordase tamén a educación afectivo-sexual, o consentimento, o impacto das redes sociais e a pornografía, así como a detección de comportamentos tóxicos.

 

Ademais, o proxecto incorpora actividades híbridas a través da canle de TikTok, onde as preguntas do alumnado reciben respostas anónimas da educadora Celia, prolongando o acompañamento fóra do aula e empregando ferramentas propias da súa contorna dixital.

 

Segundo FEMURO, sete de cada dez adolescentes senten que non son escoitados, e moitos buscan respostas nas redes sociais, non sempre adecuadas. Por iso, "crear espazos seguros e próximos é fundamental para acompañar ás crianzas e ao profesorado na construción de relacións máis respectuosas e conscientes", explican.

 

O proxecto "ConSentido" continuará nos vindeiros meses en novos centros do rural ourensán, reforzando o compromiso de FEMURO coa educación en igualdade e a prevención de violencias desde as primeiras etapas da vida. Cada obradoiro convértese así nun espello para escoitar, comprender e acompañar ás crianzas na construción de relacións máis saudables.

FEMURO inicia o proxecto ConSentido en Xinzo de Limia para educación afectivo-sexual