A Asociación Cultural Civitas Limicorum quere sumarse ao movemento solidario que medra en toda Galicia tras a vaga de incendios forestais que arrasou milleiros de hectáreas e deixou unha fonda pegada na Limia e na provincia de Ourense.
A entidade decidiu que a recadación obtida a través da venda do merchandising oficial da XXV Festa do Esquecemento destinarase a apoiar a reconstrución das zonas afectadas. Cada artigo adquirido no posto oficial converterase así nun xesto colectivo de solidariedade coa comarca e coa provincia. Os fondos serán ingresados directamente na conta habilitada polo Concello de Cualedro, concello irmán que tamén participa na festa e que simboliza o esforzo común por recuperar a vida e a esperanza despois do lume.
Desde a organización lembran que "o Esquecemento é memoria, pero tamén compromiso co presente e co futuro", e subliñan que este 25º aniversario debe ter tamén un impacto positivo na vida da xente.
En sinal de respecto, introduciranse medidas extraordinarias na programación: o desfile do venres á noite, con arredor de 400 fachos, celebrarase sen acendelos; o Lume Sagrado permanecerá apagado por primeira vez na historia da festa; reforzarase o plan de autoprotección con máis de 20 extintores, aumentarase nun 30% o abastecemento de auga no campamento e extremaranse as medidas de coordinación con Policía Local, Protección Civil e servizos de emerxencia.
A organización chama á cidadanía e visitantes a participar con responsabilidade nesta edición tan especial, gozando da programación e colaborando coa campaña solidaria, porque "a cultura tamén pode curar, reconstruír e dar esperanza".
