O Concello de Xinzo de Limia aposta decididamente pola recuperación do Festival da Canción Humorística, que se celebrará o sábado de Entroido, 14 de febreiro, ás 19:00 horas, na Praza Maior. O certame repartirá un total de 1.000 euros en premios e ten como obxectivo poñer en valor a composición orixinal, a parodia festiva e o enxeño popular como elementos centrais do Entroido.
O alcalde de Xinzo, Amador Díaz, destacou a importancia histórica desta cita para a vila e para a esencia da festa: “Recuperar o Festival da Canción Humorística é devolverlle ao noso Entroido unha das súas ferramentas máis poderosas: a retranca. Queremos que a veciñanza volva tomar a palabra na Praza Maior co enxeño e a música que sempre nos definiron como vila”.
O concurso valorará especialmente a estética, a posta en escena e o humor das composicións. Establécense tres premios: un primeiro premio de 500 euros, un segundo premio de 300 euros e un terceiro premio de 200 euros. Poderán participar colectivos de entre 5 e 15 persoas, que terán de prazo para inscribirse ata o 9 de febreiro ás 20:00 horas. As bases completas e o formulario de inscrición están dispoñibles na sección lateral de anuncios da web municipal www.xinzodelimia.gal.
