martes. 19.05.2026

A Asociación Cultural Civitas Limicorum continúa co calendario especial do Annus Argenteus, con motivo do 25 aniversario da Festa do Esquecemento, e faino cunha cita literaria de primeiro nivel.

O sábado 16 de agosto, ás 20:00 horas, a praza San Roque de Xinzo de Limia converterase nun escenario aberto para acoller o Forum Limicorum Literario, un encontro cultural gratuíto que traerá ao recoñecido escritor galego Francisco Narla, unha das voces máis destacadas da novela histórica.

Narla presentará a súa obra Breo. O celta que desafiou a Roma, un relato que mergulla ao lector nas loitas, costumes e desafíos do mundo galaico-romano. O acto incluirá unha presentación, coloquio co público e sinatura de exemplares, ofrecendo unha oportunidade única para conversar co autor e coñecer de preto o proceso creativo desta novela que combina historia e ficción.

De xeito paralelo, e na mesma rúa San Roque, abrirase unha tenda temporal con roupa e complementos de época galaica e romana, ideal para que o público poida adquirir traxes ou detalles de última hora de cara á inminente XXV Festa do Esquecemento, que se celebrará os días 22, 23 e 24 de agosto. A inauguración desta tenda coincidirá co inicio do acto e incluirá un pequeno ágape para as persoas asistentes.

Os distintos Forum Limicorum naceron para poñer en valor a cultura como parte esencial da identidade da Festa do Esquecemento e, nesta ocasión, servirán de antesala perfecta para unha edición que se prevé máis especial ca nunca.

 

Forum Limicorum Literario.
Forum Limicorum Literario.

O Forum Limicorum Literario trae a Xinzo a Francisco Narla