O II Master A Lagoa afianza a aposta municipal pola diversificación deportiva
O Concello de Xinzo de Limia referenda o seu compromiso coa dinamización social e a promoción de modalidades deportivas alternativas coa celebración do II Master A Lagoa. O evento, organizado pola Asociación Futbolín A Limia (AFAL) e respaldado polo Concello, reunirá na vila aos mellores xogadores do 16 ao 18 de xaneiro.
Grazas ao apoio municipal, o torneo consolida a súa presenza no calendario e dá un salto cualitativo cara á profesionalización. Esta edición contará co aval da Federación Española de Futbolín e incorporará novas ferramentas tecnolóxicas e dixitais para mellorar a experiencia competitiva. Ademais, poñeranse en xogo máis de 9.000 euros en premios e 120 trofeos, consolidando o carácter de primeiro nivel do evento.
A programación arrancará o venres 16 cunha marcada vocación social. Ás 17:00 horas celebrarase un Torneo Infantil de inscrición gratuíta, que ofrecerá alternativas de ocio saudable para a mocidade. A mesma xornada continuará ás 21:00 horas co Torneo Cego.
A competición profesional concentrarase durante a fin de semana, con xornadas previstas a partir das 10:00 horas. O sábado 17 disputarase a modalidade de movemento, mentres que o domingo 18 quedará reservada para a modalidade de parado.
Con esta iniciativa, Xinzo reforza a súa posición como referente no circuíto nacional de futbolín, ao tempo que promove a chegada de visitantes e actividade económica en plena costa de xaneiro, nun evento que conta coa colaboración da Concellería de Deportes.