O III Concurso Gastronómico "Patapas" pechou este luns a súa edición máis dinámica cun impacto económico directo superior aos 20.000 euros en apenas cinco días. Segundo estimacións do Concello, esta cifra resulta de sumar o volume de negocio xerado polas miles de consumicións da ruta e a inxección de capital dos premios finais.
Sobre os 3.000 euros en premios, o goberno local destaca o seu carácter estratéxico: como novidade, os vales deberán gastarse exclusivamente durante a actual campaña de Nadal no comercio de Xinzo. Deste xeito, garántese que o investimento público peche o círculo e dinamice as compras nestas datas clave para o sector.
O alcalde, Amador Díaz, celebrou a "resposta social extraordinaria" que encheu a vila de actividade durante a ponte. "Ver as rúas cheas de veciños probando e compartindo é o mellor indicador de que estas iniciativas funcionan e son necesarias", asegurou. Trala recollida das urnas, o Concello anunciará en breve a data do sorteo público para coñecer aos gañadores dos vales e da Gran Cesta, así como o pincho máis votado polo público.
