viernes. 19.04.2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou este mércores no Networking Galicia Empresa, organizado pola Asociación de empresarios do polígono de Xinzo. Na súa intervención, aproveitou para destacar o traballo que está facendo o Goberno autonómico por acompañar á actividade empresarial e ás necesidades das empresas galegas.

Asistentes ao Networking Galicia Empresa que organizou a Asociación de empresarios do polígono de Xinzo. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Asistentes ao Networking Galicia Empresa que organizou a Asociación de empresarios do polígono de Xinzo. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

 

Os empresarios limiaos, a través do presidente da súa asociación, José Manuel Gómez, expuxeron as súas eivas e reclamaron un maior compromiso dos políticos co sector. Ademais, engadiron que dende as institucións de poder parecen estar distanciados da verdadeira realidade da empresa en Galicia.

Por outra banda, Conde salientou que a Xunta está a orientar todos os seus esforzos cara a tres eidos: a axilidade administrativa a través da Lei de simplificación, o acceso a solo industrial e o impulso da innovación e a sustentabilidade no tecido empresarial galego. Ademais, deu a coñecer un novo portal dixital creado só para empresas e ao que se pode acceder aquí. Nel, os empresarios poden atopar as subvencións dispoñibles para o seu sector ou coñecer outro tipo de información que axude ao seu traballo diario.

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama; o vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde; e o presidente da Asociación de empresarios do polígono de Xinzo, José Manuel Gómez, participaron nesta xornada empresarial. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama; o vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde; e o presidente da Asociación de empresarios do polígono de Xinzo, José Manuel Gómez, participaron nesta xornada empresarial. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

 

O vicepresidente tamén falou das axudas que teñen dispoñibles as empresas para fomentar a eficiencia enerxética. Entre elas, destacou o Bono Enerxía Peme, que este ano conta cun orzamento de 4,2 millóns de euros para a mellora de instalacións e equipamentos máis eficientes. Tamén está aberta ata o 15 de xuño a liña de apoios para a constitución de comunidades enerxéticas locais, que permite reducir os custos da factura eléctrica e dispón dun orzamento de 600.000 euros.

Asistentes nesta xornada empresarial. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Persoas do mundo empresarial e político de Xinzo participaron nesta xornada. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

 

NOTICIAS A LIMIA | O empresariado de Xinzo expón as súas eivas ó vicepresidente da Xunta