lunes. 07.10.2024
O Concello de Xinzo, a través da Concellería de Igualdade e do Centro de Información á Muller, levou a cabo unha campaña de prevención da violencia de xénero dirixida aos alumnos e alumnas do IES Lagoa de Antela e do IES Cidade de Antioquía.

A iniciativa, que se está a desenvolver nos centros escolares ás portas do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, leva por lema a frase "Educando dende a igualdade de xénero”. Ten coma obxectivo principal poder proporcionarlle información e medios aos máis novos para que poidan identificar este tipo de situacións.

Este xoves e venres, o coodinador do CIM en Xinzo, José Luis Saborido, impartiu unhas charlas nos institutos da vila co fin de darlles a coñecer aos mozos e mozas os recursos e ferramentas dos que dispoñen as mulleres que sofren violencia de xénero -das que tamén poden facer uso aquelas persoas que sexan coñecedoras doutras que están pasando por esa situación- . O convidado tamén lles ensinou a distinguir os distintos tipos de violencia: física, psicolóxica, económica, sexual e na escola.

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, presentou os coloquios e insistiu en que “só dende a igualdade poderemos erradicar esta lacra social”. Ademais, dirixiuse aos mozos e mozas para pedirlles que estivesen alerta ante posibles situacións de violencia de xénero.

Está previsto que o 25N se conmemore no concello a loita contra a violencia de xénero a través dunha concentración na praza maior, lugar onde estará instalada unha carpa.

NOTICIAS A LIMIA | A campaña "Educando dende a igualdade de xénero" chega aos...