miércoles. 09.10.2024

O limiao Javier Diz, docente e investigador da Facultade de Educación da Universidade Alfonso X El Sabio, levou a cabo unha estadía de investigación coa que estivo dúas semanas en Colombia, traballando na Facultade de Socioloxía da Universidade Santo Tomás de Bogotá.

O número de prazas para facer unha das actividades deste tipo, tanto en España coma noutros países, eran poucas no centro madrileño e Diz foi un dos seleccionados para poder levala a cabo. A súa estadía fíxose no marco do proxecto de investigación FODEIN 2023 da Universidad Santo Tomás, a través da Dirección Nacional de Investigación e Innovación - Sedes y Seccionales do Ministerio de Ciencia Tecnología e Innovación de Colombia. A investigación denomínase: “Estrategias de la sociedad civil para la protección e integración educativa de la niñez migrante venezolana. Estudio comparado entre Bogotá y Bucaramanga”.

O limiao explica que se fixeron entrevistas con diferentes entidades como ONG e asociacións que traballan con colectivos migrantes venezolanos no eido do ensino e da convivencia comunitaria como a Fundación de Atención al Migrante, o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF) ou a ONG Mujeres de Nueva luz. Nas dúas semanas que estivo en Bogotá, Diz participou da vida académica da Facultade de Socioloxía da Universidade Santo Tomás, nunhas datas nas que se festexaba a acreditación da carreira de Socioloxía. Ademais, é un centro con historia porque é o máis antigo de Colombia, xa que data de 1580.

Javier Diz é profesor e investigador na Universidade Alfonso X El Sabio e obtivo unha beca para unha estadía de investigación de dúas semanas na Universidade Santo Tomás de Bogotá, en Colombia

Diz participou en clases, reunións e diversas actividades no marco do ensino e da investigación. Xunto co profesor Felipe Aliaga, fixo unha clase coloquio sobre o “habitus” (de Bourdieu) na xuventude colombiana. Tamén participou en titorías de teses de doutoramento ligados sempre á Pedagoxía, no ámbito da xestión dos “postacordos” en Colombia e no policial, respectivamente. Así mesmo, foi parte do panel "Retos de la Sociología para un mundo en transformación" no marco da celebración da acreditación de alta calidade da carreira de Socioloxía da Universidade Santo Tomás.

A segunda semana da súa estadía serviu para falar sobre os procesos de migración África-Europa ao sementeiro -grupo de alumnado investigador- de Relacións Internacionais e intercambiou impresións co alumnado sobre outras realidades migratorias en diferentes lugares. Nos últimos días da súa estadía, o profesor aproveitou para deixar revisadas algunhas cuestións da investigación e participou nas derradeiras actividades.

Diz asegura que esta actividade académica foi "moi enriquecedora"  porque se coñecen a moitas persoas profesionais e vese como se traballa noutros lugares con outras realidades sociais. O profesor conta que se fixo cargo dun proceso de mediación universitaria cun grupo de máis de 40 alumnos e profesores de Socioloxía que culminou cunha mellora da situación problemática. No derradeiro día, participou no programa de radio da Universidad Santo Tomás, Efecto Mariposa, para falar de "Migracións, integración e valoración da otredade" como tema central.

O limiao participou en clases, reunións e diversas actividades vinculadas ao ensino e á investigación

Sobre a capital de Colombia, e a pesares dos problemas de seguridade da cidade, Diz resaltou a boa acollida que tivo por parte dos bogotanos cos que compartiu estas semanas. "No meu caso, como galego que son, sentinme moi a gusto no trato, imaxino que a nosa historia de migración ten algo que ver", sinala.

Como froito deste proceso de investigación, o limiao participa en varios capítulos de libros sobre a temática e tamén na elaboración dun artigo para unha revista científica de alto impacto."Saír é bo, un vese distinto e pódese apreciar a un dende lonxe. Tamén se entende mellor á xente e a razón pola que actúan da forma na que o fan. Os procesos migratorios sempre estiveron aí, son un fenómeno que non van a desaparecer e non sirve de nada querer arredarse desa realidade. Se cadra irán a máis e temos que ser capaces de identificar as causas para actuar axiña e idear intervencións que sirvan para acomodala sociedade ao cambio", resalta.

O profesor agradece á entidade que financiou a estadía de investigación e á Universidad Alfonso X el Sabio, especialmente á Directora da Mestría de Psicopedagoxía e á Decana de Educación pola súa axuda.

Javier Diz participou en diversas actividades da universidade colombiana.
Javier Diz participou en diversas actividades da universidade colombiana.

NOTICIAS A LIMIA | Un limiao visita Colombia para levar a cabo unha investigación