lunes. 29.04.2024

O curso escolar 2023/24 comezou este 11 de setembro con 1.544 alumnos matriculados nos centros da comarca, un incremento de 40 con respecto ao pasado ano. Xinzo, Sarreaus e Sandiás son as localidades nas que as súas escolas gañan máis alumnado, mentres que nos Blancos, Vilar de Barrio e Rairiz de Veiga houbo un pequeno descenso.

O número de alumnos nos centros educativos de Xinzo experimenta un forte crecemento e rozan os 1.350 estudantes, fronte aos 1.142 do curso 2022/23. As matriculacións en Educación Secundaria Obrigatoria son as que máis medran, mudando das 435 do ano pasado a 471 este curso, segundo os datos recollidos pola Consellería de Educación. En Infantil, pasan de 192 a 202, mentres que en Bacharelato, estudos que xa non son obrigatorios, suben de 124 a 132. En Educación Primaria, o número de nenos que cursarán este ano en Xinzo é de 540, 11 menos que no ano pasado.

As cifras no resto de concellos son máis inferiores, xa que os maiores desprázanse a Xinzo para cursar ESO ou Bacharelato. O colexio de Rairiz de Veiga é o que conta con máis alumnado, pese a contar con dúas matriculacións menos que no ano pasado. Este curso son 19 nenos en Infantil e 39 en Primaria.

Outros datos positivos, ao igual que os de Xinzo, son os dos centros de Sarreaus, Sandiás e Baltar, onde medra o número de alumnos. No primeiro, este curso matriculáronse 14 cativos en Infantil e 10 en Primaria. Nos cursos de 3 a 6 anos é onde experimentaron o crecemento ao dispor de media ducia de alumnos novos.

No caso de Sandiás, o número de matriculados en Infantil son 15 e 21 en Primaria. Ao igual que en Sarreaus, os estudantes de 3 a 6 anos crecen e dispoñen de 5 máis que no ano pasado. Por último, en Baltar perden estudantes en Infantil, contan con 8 (-3), pero medran en Primaria con 21 (+4).

Por outra banda, os colexios de Vilar de Barrio e Os Blancos sofren un pequeno descenso nas matriculacións. No primeiro, pasan de 26 a 25, dos cales 4 están en Infantil e 21 en Primaria. No segundo, baixan de 26 a 24, sendo 8 en Infantil e 16 en Primaria.

NOTICIAS A LIMIA | O curso escolar comeza con case 1.550 alumnos na comarca