jueves. 02.05.2024

O pleno da Corporación municipal de Xinzo de Limia, por unanimidade e na sesión extraordinaria deste martes, aprobou a adxudicación do contrato de servizo de axuda no fogar por un importe de 881.000 euros anuais durante un ano e cunha prórroga de outro a Mari Sol Nieto Dorado, quen xa fora a adxudicataria en concursos anteriores. 

Neste caso, actualízanse os prezos por hora incrementándose nun dez por cento con respecto ao custe do exercicio anterior. 

A adxudicación foi votada por unanimidade por todos os grupos con representación no concello limián, destacando todos eles a mellora na prestación do servizo co propósito de reducir á mínima expresión a lista de agarda rexistrada

 Os veciños de Laroá, protagonistas

Nesta sesión extraordinaria tamén se celebrou o sorteo dos integrantes das diferentes mesas electorais para os vindeiros comicios autonómicos do 18 de febreiro. No pleno estaban presentes unha ducia de veciños e veciñas de Laroá (Xinzo de Limia), que portaban carteis reivindicativos polo peche da súa mesa electoral. 

Todos os grupos políticos acordaron facer, para vindeiros comicios, unha revisión previa das diferentes mesas e así anticiparse ao peche de futuras sedes do sufraxio universal. Tamén acordaron os voceiros de todas as formacións do arco municipal instar ao Goberno de España a unha modificación da lei electoral que discrimine positivamente ao rural rebaixando o número mínimo de electores de 200 a 150

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo aproba o maior contrato de axuda no fogar da súa historia