Xoves. 28.03.2024

O Concello de Xinzo anunciou nun comunicado de prensa este martes a visita mañá, mércores, dun grupo de alumnas e alumnos de segundo curso do Grao de Pedagoxía da Universidade de Santiago de Compostela, que se reunirán con técnicos de Educación do Concello e orientadoras dos colexios e institutos.

A visita comezará cunha recepción pola mañá na Casa da Cultura, por parte da alcaldesa, Elvira Lama, quen ten unha axenda axustada, xa que horas antes entrevistarase en Ourense co Delegado Territorial da Xunta, Gabriel Alén. 

Pola tarde, a partir das 16:00 horas, está previsto un un encontro con técnicos de Educación do Concello de Xinzo de Limia e con asociacións de migrantes. A iniciativa pretende dar a coñecer a relación entre os centros educativos e a administración local no eido da diversidade cultural ou a acollida aos mozos migrantes, sinala o comunicado municipal.

Durante o encontro, tratarán aspectos da acollida de mozos e mozas migrantes nos centros educativos e as súas adaptacións; os plans de convivencia; as problemáticas derivadas da xestión cultural nos centros; o papel da orientación no ámbito da pedagoxía intercultural ou a relación entre centros educativos e a administración local no eido da diversidade cultural.

Tamén se levará a cabo unha visita ao Museo do Entroido, a partir das 18.00 horas.

Está previsto que os alumnos participen no encontro acompañados de Alexandre Sotelino, profesor ourensán que foi elixido mellor docente universitario de España. O concelleiro de Servizos Sociais, Alberto Martínez, lembra no comunicado institucional que “Xinzo é un exemplo de convivencia de xente de diferentes países e culturas. E cómpre destacar tamén a colaboración do Concello coa USC para levar a cabo cursos para migrantes”.

AXENDA | Alumnado de Psicoloxía da USC visita Xinzo como lugar de convivencia...