lunes. 29.04.2024

O BNG vén de reclamarlle ao Concello de Xinzo de Limia que "bote man" do complexo arqueolóxico do Castelo de Pena, logo de comprobaren, nunha visita ao monumento tras ter coñecemento pola veciñanza, do estado no que se atopa. 


Camilo Vila e Manuel Pozo, concelleiros do BNG en Xinzo de Limia recolleron as demandas veciñais sobre o deterioro que está sufrindo o complexo do Castelo de Pena. As veciñas e veciños de Pena xa puxeron en coñecemento dos corpos e forzas de seguridade a situación e, agora, solicitan tamén solucións políticas.

O BNG confirma contactos coa direción da última intervención arqueolóxica (2021-2022) para informar e solicitar que se emita o pertinente informe técnico á Xunta de Galicia. Do mesmo xeito, dende o BNG de Xinzo de Limia demandan un plan estratéxico para que o monumento "cobre un verdadeiro significado para a veciñanza a través do seu coñecemento, o seu uso e o seu desfrute" e fan unha expresa recomendación ao grupo de Goberno local: “Teñen que botar man disto inmediatamente porque é un risco para as persoas e para o patrimonio”. 


O BNG fixo un inventario de desperfectos que trasladou ás instancias pertinentes onde se recollen desde o movemento do merlón, varias fogueiras, lixo no alxibe ou muros de pedra con inicios de derrubo.

NOTICIAS A LIMIA | O BNG de Xinzo pídelle ao Concello que "bote man do castelo de Pena"