lunes. 09.12.2024

O concelleiro Ramón Gómez, o xefe do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Ourense, Juan Carlos Nogueiras; o xefe provincial de Tráfico, David Llorente; a subxefa provincial da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), Andrea Conde, e a xefa de sección de Seguridade Viaria da DXT en Ourense, Estrella Garrido, impartiron esta mañá no IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia unha charla sobre os perigos de conducir baixo os efectos do alcohol e das drogas. 


“Este tipo de iniciativas son esenciais para salvar vidas nas estradas e son moi ben recibidas polos alumnos, coma hoxe quedou demostrado neste centro educativo”, comentou o edil Ramón Gómez, responsábel municipal de Tráfico, ao remate da sesión, segundo informa o Concello de Xinzo nun comunicado de prensa.


Os responsábeis da DXT trouxeron ao instituto unhas gafas 3D para realizar unha simulación do que significa coller o volante dun vehículo baixo os efectos do alcohol e das drogas. 


Máis dun cento de alumnos participaron nunha xornada de concienciación organizada pola Xefatura Provincial de Tráfico a petición do Concello de Xinzo. A iniciativa coincide co desenvolvemento dunha campaña municipal para promover o respecto dos condutores e das condutoras nas zonas de estacionamento temporal ou prohibido da vila. 

NOTICIAS A LIMIA | Campaña de Tráfico no Instituto Lagoa de Antela