sábado. 20.04.2024

O CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia conseguiu transformar un lugar de paso abandonado nun vistoso espazo lector, que servirá para contaxiar a paixón polos libros aos alumnos do centro. A iniciativa levouse a cabo grazas ao talento do artista Xosé Eladio e á colaboración do Concello. Esta mañá, visitaron as instalacións a alcaldesa, Elvira Lama, e os concelleiros Rafael Penabad e Ramón Gómez, guiados polo director do colexio, José Manuel García.

O novo espazo, que comunica a parte de infantil coa de primaria, acollerá dende charlas a contacontos, e está previsto dotalo de todo o mobiliario necesario para levar a cabo estas actividades.

Cómpre recordar que, con motivo do Día Internacional da Muller, o alumnado do centro participou na elaboración dun mural baixo as directrices do artista Xosé Eladio; para ter presente esta data tan sinalada no calendario e recordarnos que é labor de todas e todos nós acadar esa igualdade de deberes e dereitos que debe estar presente na sociedade na que vivimos.

Mural feito polos alumnos. | Foto: Concello Xinzo de Limia. 

NOTICIAS A LIMIA | O CEIP Rosalía de Castro converte un lugar de paso abandonado nun...