martes. 10.12.2024

Galiza Nova de Xinzo de Limia -organización xuvenil do Bloque Nacionalista Galego- acaba de anunciar a creación dunha xornada de concursos relacionados co Samaín que terá lugar este domingo día 31 na vila limiá.

Durante a festividade celebraranse tres concursos, un de disfraces infantís, un de comida típica do Samaín, e outro relacionado co ornamento de cabazas.

A primeira competición recollerá o tradicional concurso de manualidades e decoración de cabazas. A temática dos traballos xirará arredor do Samaín celta e nel poderían participar persoas de todas as idades.

A segunda categoría estaría adicada aos nenos e nenas de entre 3 e 14 anos. Consistiría en crear disfraces relacionados co Samaín e en acudir vestidos cos mesmos ao evento.

Finalmente, a última competición sería un concurso de cociña no que se presentarían pratos típicos desta festividade. Os inscritos -de todas as idades- participarían con comidas e postres orixinais que adoitasen comer durante o Samaín.

O evento levarase a cabo na praza Maior do Concello de Xinzo, dando comezo ás 18:00 horas coa primeira competición de cabazas, e seguindo durante cada hora co resto de concursos. Ao final de cada sesión entregaráselle ao público unha serie de papeletas para que voten aos preferidos de cada categoría. Así, en cada concurso habería tres gañadores elixidos de xeito popular.

Na cesión dos premios colaboran entidades locais coma LIMISI -doando trofeos-, a empresa La Central Heladera -que fará entrega de bonos regalo- , e diversas librarías do comercio de Xinzo -que aportarán agasallos sorpresa- .

As inscricións poderán realizarse contactando a través das redes sociais do BNG ou Galiza Nova. Deberase especificar o nome e apelidos do concursante e a categoría na que desexa participar. A data para alistarse permanecerá aberta ata o día mesmo das competicións.

NOTICIAS A LIMIA | Galiza Nova organiza tres concursos arrepiantes para o Samaín de Xinzo