sábado. 27.04.2024

O curso escolar 2021 - 2022 arrancaba este xoves día nove nos dous colexios de educación infantil e primaria de Xinzo -o CEIP Rosalía de Castro e o CEIP Carlos Casares- . Un inicio de clases que voltou a verse afectado outro ano máis polas medidas anti - covid requeridas.

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, realizou esta mañá unha visita aos dous centros co obxectivo de transmitirlle ao equipo directivo e profesorado o apoio do concello. Durante a súa estancia emitiu unha mensaxe de apoio aos mestes e mestras para que afrontaran de xeito positivo outro ano escolar marcado pola pandemia. "Estamos seguros que coa rutina e os protocolos aprendidos este curso será máis doado para todos e todas".

A política tamén destacou os traballos de melloras que relizara o concello durante o verán nas instalacións educativas, por exemplo, o arranxo do muro perimetral do Rosalía de Castro e a construcción dun almacén -necesario ante a falta de espazo- no Carlos Casares.

Calcúlase que hai uns 800 alumnos matriculados en total sumando os dous colexios. No Rosalía de Castro están inscritos 390 estudantes -dos cales 14 son novas altas- que serán repartidos en 20 aulas. No Carlos Casares rexistráronse 392 escolares -sendo oito as novas matriculacións- para distribuír en 19 clases.

A maiores, o concello informa de que aínda queda prazas dispoñibles para os alumnos que precisen do servicio de madrugadores, as cales son xestionadas pola ANPA.

NOTICIAS A LIMIA | Iníciase o curso escolar nos colexios de Xinzo cuns 800 matriculados