Venres. 29.03.2024

As mulleres das aldeas rurais de Xinzo teñen mañá unha importante cita. Xuntas festexarán dun xeito diferente o 8M, Día Internacional da Muller, cunha tarde para o "desfrute", como di Lucía Nóvoa, da Asociación de Mulleres de Laroá. A intención deste festexo é que se poidan reunir e, mentres o pasan ben, compartan ideas para mellorar a súa vida no rural. "Xurdiu a partir dun grupo de mozas e mulleres das aldeas con inquedanzas e necesidades", destaca Nóvoa.

A xornada comezará ás 16:30 horas, cando se darán cita ao carón da escultura da Dama da Lagoa en Xinzo. "Faremos unha foto con ela, porque é unha homenaxe á muller limiá", resalta Nóvoa. O día continuará no local social de Laroá, ás 17:15 horas, onde contarán con diferentes actividades para facer deste día unha gran festa. Falarán de empoderamento e doutros temas relacionados coa muller, pero tamén haberá música e baile.

Con esta iniciativa, terán a oportunidade de coñecerse e determinar as necesidades que poidan ter. "A idea é facer grupos que nos permitan executar ideas en cada aldea", apunta Nóvoa. Esta veciña de Laroá exemplifícao co caso no que pode haber algunhas veciñas, de diferentes núcleos de poboación, que queiran desenvolver unha actividade e, en conxunto, sería posible que fose unha realidade, mentres que por separado, non. "O que queremos é que non sufran illamento por vivir no rural", engade Nóvoa.

A actividade programada para mañá é unha primeira toma de contacto, para comprobar como é a súa acollida por parte das mulleres limiás. A idea é continuar no futuro e organizar actividades en común para unir ás mulleres do rural limiao.

NOTICIAS A LIMIA | As mulleres das aldeas limiás únense para conmemorar o 8M