martes. 08.10.2024

O PSdeG-PSOE comezou hoxe en Xinzo unha rolda de sesións informativas sobre a declaración da renda, destinadas principalmente ao colectivo de emigrantes retornados. A charla deste mércores no salón de plenos do Concello de Xinzo contou coa participación da alcaldesa, Elvira Lama.

Reuníronse unhas 20 persoas, principalmente retornados de Alemaña, segundo informa o PSOE nun comunicado de prensa, e engade que se tratou das exencións a tributar polas pensións estranxeiras e a problemática do pago do 5% á Facenda de Alemaña, polas pensións percibidas dese país. 

O secretario provincial de migración do PSdeG, Luís Gulín, comentou que “moitos dos retornados de Alemaña, que perciben unicamente pensións dese país, ignoran que aínda poden rectificar as declaracións das rendas en España do 2017-2020, solicitando a inclusión nas mesmas dos gastos sociais que queda Alemaña das súas pensións”

Gulín indicoulles a documentación a achegar para as súas xestorías e asesorías de confianza ou para a propia Axencia Tributaria de España.

Tamén se deu información sobre a tramitación da prestación de dependencia alemá, e sobre a nova pensión básica alemá para a cal non hai que facer ningún trámite en especial. “Aquí a Seguridade Social alemá contactará en concreto con cada persoa beneficiada se procede”, apuntou Gulín.

A próxima sesión a celebrar será este próximo sábado, día 2 de abril, na Casa da Cultura de Verín. Tamén están previstas sesións en Oímbra, Vilar de Barrio e O Barco de Valdeorras, todas elas antes da Semana Santa.
 

NOTICIAS A LIMIA | O PSdeG-PSOE inicia en Xinzo a rolda de sesións informativas a...