jueves. 25.04.2024

O Concello de Xinzo de Limia, a través da Concellería de Medio Rural, acaba de iniciar un plan de recuperación da arquitectura tradicional no municipio. A iniciativa actuará sobre preto dunha decena de elementos e estruturas co fin de restauralas e contribuír á mellora do seu estado de conservación e mantemento.

As intevencións que se levarán a cabo serán en fornos e fontes dos lugares de Piñeira Seca, Ganade, Lamas, Trandeiras, Fiestras, Pidre, Guntimil e Faramontaos. En total, trataranse seis fornos e tres fontes. O orzamento das actuacións ascende a 48.301 euros, cun prazo de execución de 60 días.

Anteriormente realizáranse unha serie de inspeccións nos elementos patrimoniais, grazas ás cales se puideron detectar unha serie de deficiencias nos fornos e nas fontes. Os primeiros presentaban humidades nas cubertas e incluso pequenos afundimentos. Pola contra, outros só precisaban dunha limpeza profunda de paredes. Nas fontes observáronse diversos despazamentos dos elementos pétreos e obstruccións nos desaugues.

En ambos elementos patrimoniais procederase á limpeza dos seus muros. No caso dos forno substituiranse as tellas en mal estado, recuperaranse as portas e fiestras e, de ser o caso, realizarase unha pavimentación. Nas fontes iniciaranse unha serie de intervencións para recolocar as pedras en mal dispostas, e recuperaranse as billa e desaugadoiros.

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo aposta pola recuperación da súa arquitectura tradicional...