martes. 08.10.2024

Como actos previos ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Xinzo de Limia, través da Concellería de Igualdade e do Centro de Información á Muller, organizou unha serie de visitas polos centros de educación infantil e primaria da vila co obxectivo de impartir charlas de concienciación sobre a violencia de xénero.

A alcaldesa, Elvira Lama, participou esta mañá nunha sesión formativa impartida no CEIP Carlos Casares. Nela amosáronlle aos nenos e nenas a importancia de identificar e detectar actitudes e comportamentos relacionados coas violencias machistas co fin de previr estes casos.

A iniciativa repetirase mañá noutro dos colexios da vila, no CEIP Rosalía de Castro. O mesmo día terá lugar, ás 12:00 horas na praza Maior da vila unha concentración e unha lectura dun manifesto en conmemoración ao 25 - N. Tamén se instalará un punto informativo de 10.00 a 13.00 horas.

O compromiso do Concello de Xinzo de Limia nesta loita non se limitará ao mes de novembro, xa que se prevén instalar nas súas rúas sinais semellantes ás de tráfico que conteñan mensaxes en contra desta lacra social.

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo conciencia aos cativos da vila sobre a prevención da violencia...