Xoves. 28.03.2024

O Concello de Xinzo acaba de publicar as bases para participar no II Concurso de minicontos de medo e terror "Samaín 2021". Un certame literario no que poderán competir os cativos e mozos e mozas do concello, ben a través da categoría infantil -cunha idade de 11 anos ou menos- , ou da xuvenil -de 12 anos en adiante- .

Os contos participantes serán dunha temática de medo ou terror, e estarán relacionados coa tradición celta do Samaín. Deberán ser orixinais, estar escritos en galego, e contarán cunha extensión máxima dunha páxina tamaño A4 -aproximadamente entre 30 e 50 liñas- .

En cada unha das categorías entregaranse tres premios. O primeiro gañador recibirá un vale de compra por valor de 150 euros a canxear nas librarías de Xinzo, o segundo obterá outro vale cun importe de 100 euros, e o terceiro outro por valor de 50 euros. Cada galardoado obterá un diploma e un agasallo orixinal de LIMISI.

Os relatos poderán enviarse vía telemática á dirección do correo electrónico da Concellaría de Cultura [email protected], incluíndo no mail o título do conto e datos do autor ou autora- nome e apelidos, idade, centro de ensinanza, curso e teléfono ou mail para contactar- , ou ben de xeito físico nos centros educativos do concello ou na Casa da Cultura -no que se gardará o relato dentro dun sobre xunto aos datos anteriormente especificados- .

A data límite para entregalos é ata o 30 de outubro ás 00:00 horas, os traballos que non se envíen a tempo ou que non inclúan a información que se require quedarán excluídos. O concello anunciará a través da súa páxina web e redes sociais aos premiados.

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo celebrará o II Concurso de minicontos de terror "Samaín 2021"