sábado. 20.04.2024

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, e dous representantes da Asociación da Pantalla anunciaron este luns no salón de plenos da Casa do Concello a celebración, este sábado día 14, da Festa das Mozas, un evento anual que se recupera no calendario limiao.

A Festa das Mozas coincidirá no sucesivo coa feira do 14 de maio. Nesta primeira edición haberá sobre todo música, pasarrúas con grupos da comarca pola mañá e verbena e foliada pola tarde, inspiradas nas verbenas e foliadas dos anos cincuenta. E ademais inaugurarase unha exposición sobre a historia da feira do 14 en Xinzo, un evento que a alcaldesa remontou ao século XII e que a Asociación da Pantalla leva aínda máis atrás. Era intención dos organizadores ofrecer dous obradoiros de música e baile que finalmente non será posíbel desenvolver.

“A feira é un espazo para o intercambio, tamén o intercambio cultural, de saberes, relacións humanas”, dixo Iván Pérez, representante da Asociación da Pantalla e até hai un par de meses presidente da Civitas Limicorum. Xinzo é un continuo revival. A Feira das Mozas vai rescatar tradicións dos anos 50, como os caraveis ben visíbeis para declarar a condición de solteira/o e a intención de buscar moza/o. O Esquecemento, que esta semana celebrará asemblea de socios, inspírase na época romana.

E na Civitas, co Esquecemento, queren facer algo moi parecido: ampliar o ámbito da celebración máis alá do lúdico.

Este sábado haberá feira e complemento. O pasarrúas chegará até o Toural e a praza das Bestas. E para as oito, está prevista unha verbena “tradicional”, como a definiu Pérez, con habaneras e aquelas músicas dos 50 e canto con pandeiretas. A continuación, foliada aberta. A exposición consistirán en 18 lonas con información e imaxes antigas da feira. Haberá unha sección dedicada aos personaxes da feira “tradicional”: os charlatáns, os carteiristas e os cegos cos seus cantos...

Tres días despois desta Festa das Mozas, chegará o Día das Letras Galegas. O concelleiro de Cultura explicou que haberá mercado de libros e algún acto. Mais a programación está sen pechar. Coñecerase esta semana.
 

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo suma outra festa no calendario: Festa das Mozas (14 de maio)