martes. 10.12.2024

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade investiu 48.376,22 euros na construción e adaptación dun almacén de, aproximadamente 108 metros cadrados ao carón do polideportivo do IES Cidade de Antioquía destinado a gardar a maquinaria (tractor, motocultores e apeiros de labranza) e facilitar as manobras de enganche e desenganche dos diferentes apeiros (remolque, fresa, cultivador, e demais apeiros) utilizados polo alumnado do ciclo de agraria que se imparte no centro. 

Tamén se levou a cabo a pavimentación, a base dunha soleira de formigón, duns 5 metros fóra do almacén para facilitar as manobras do tractor e conseguir un espazo facilmente saneable e cómodo para a retirada de barro e terra, segundo informa a Delegación Territorial de Ourense nunha nota de prensa este luns.

A Xunta, subliña o comunicado, atende así unha demanda do equipo docente e responsables do ciclo "no camiño de mellora permanente das instalacións dos centros educativos da provincia", ao abeiro do Plan de Nova.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, visitaron esta mañá as obras.

"As actuacións que se están a desenvolver nos centros xiran arredor de seis eixos de actuación", detalla a Xunta na nota de prensa. "Son o encaixe dos centros no espazo urbano, o seu aspecto exterior, os espazos de socialización, a distribución interior dos centros, o establecemento de polos creativos (espazos maker) e a eficiencia enerxética".

NOTICIAS A LIMIA | A Xunta inviste 48.000 euros nun almacén para o IES Cidade de Antioquía