Venres. 29.03.2024

O Concello de Xinzo de Limia, no seu compromiso contra a violencia de xénero, contará cunha ampla programación de actividades para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Esta comeza hoxe coa representación da obra "As alumnas", dirixida por Fina Calleja, que terá lugar ás 20:30 horas no salón de actos da Casa da Cultura.

O programación tamén conta nesta primeira xornada con diversos obradoiros de promoción da igualdade na Aula Cemit. Esta iniciativa xa se levou a cabo nos institutos da vila grazas ó traballo do persoal do Centro de Información á Muller, co obxectivo de concienciar ós máis novos. Eles tamén terán o seu protagonismo nestas actividades, xa que o venres, 25 de novembro, os alumnos do IES Lagoa de Antela plantarán unha árbore por cada vítima de violencia de xénero no entorno das piscinas exteriores, a partir das 11:00 horas.

O 25N completarase con outras actividades reivindicativas. Ás 10:00 horas instalarase unha carpa informativa na Praza Maior para concienciar e sensibilizar sobre a violencia de xénero e ás 12:00 horas, lerase unha declaración institucional que condene esta "lacra social".

A programación continuará a vindeira semana, centrada nos máis novos e na súa educación, "clave" para loitar contra a violencia de xénero. O 28 de novembro, os alumnos dos institutos da vila asistirán a unha charla informativa sobre agresións sexuais e violencia sexual, que se levará a cabo no IES Lagoa de Antela ás 16:00 horas.

Xinzo non só combate este problema social con estas actividades pola chegada do 25N, senón que loita contra el cada día. Dende o ano pasado, a vila conta con varias sinais de tráfico que din "stop" á violencia de xénero instaladas en puntos concorridos como a Casa do Concello ou os centros educativos.

Programación do 25N en Xinzo.
Programación do 25N en Xinzo.

NOTICIAS XINZO | O Concello organiza unha programación contra a violencia de xénero...