viernes. 19.04.2024

A vez anterior, en xuño, foi un martes, día 28; desta, caeu a luns, día 12. A próxima cita, di Herminio Carballeda, é o 22 de decembro próximo, un xoves, a data do sorteo da Lotaría de Nadal. “Agora, a polo Gordo!”, conta entre retranqueiro e eufórico o propietario da Administración de Lotaría nº 1 de Xinzo de Limia, na que se validaron os dous grandes premios do verán que está piques de rematar na Limia. 


No sorteo da Primitiva de onte, a administración que rexenta Herminio desde o 2017, cando colleu o traspaso a José Antonio Carrera, rexistrou un boleto premiado con  589.818,85 euros, que sumados aos 3.737.583,72 euros do premio da Bono Loto do pasado 28 de xuño, fan un total de 4.327.402,57 euros.


“Así como a vez anterior era difícil que coñecésemos ao afortunado ou afortunada, hoxe pensamos que será algún dos clientes habituais, porque o boleto fai parte dunha aposta semanal. É xente que adoita vir os luns, e xoga varios sorteos para toda a semana e volve ao luns seguinte comprobar os premios. Esperemos que se decate antes e se pase estes días”, explica Carballeda.

A única administración de lotaría de Xinzo ten clientes de toda a comarca, e desde que está Herminio xa repartiu varios premios no sorteo de Nadal, o próximo “obxectivo” do propietario. “A verdade é que os case 4 millóns de xuño trouxéronos máis clientes, algún por curiosidade, pero moitos para xogar. Espero que agora este premio serva para reactivar as vendas do Nadal”.


“Non hai dous sen tres”, di Herminio Carballeda, un loteiro tocado pola fortuna este ano 2022 e que soña con algo gordo o día 22 de Nadal. Faltan 101 días.

NOTICIAS XINZO | “Agora, a polo Gordo!”