O Polideportivo Municipal de Xinzo de Limia converterase mañá, 7 de xuño de 2025, no epicentro do karate galego ao acoller a terceira xornada da Liga Galega de Karate e Disciplinas Asociadas. O evento, organizado pola Federación Galega de Karate co apoio do Concello de Xinzo de Limia, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, reunirá a un total de 592 deportistas base de toda a comunidade autónoma.
Esta xornada ten un marcado carácter promocional e busca fomentar a participación e o desenvolvemento dos novos talentos do karate galego. Os competidores, con idades comprendidas entre os 5 e os 17 anos (categorías pre-benxamín, benxamín, alevín, infantil, xuvenil, cadete e júnior), medirán as súas habilidades nas modalidades de Kata (formas) e Kumite (combate).
A competición divídese en dous niveis: "Restrinxido", para aqueles deportistas con pouca experiencia ou que non obtiveron medallas en competición oficial na tempada actual; e "Avanzado", de acceso libre para aqueles que xa lograron algún metal.
A xornada desenvolverase en dúas quendas: a de mañá, de 09:30 a 14:30 horas, estará dedicada ás categorías xuvenil, cadete e júnior; mentres que a xornada de tarde, de 16:30 a 20:30 horas, acollerá as categorías pre-benxamín, benxamín, alevín e infantil. A entrega de medallas realizarase durante toda a xornada, conforme vaian rematando as distintas categorías.
Entre os participantes, un total de 196 deportistas son da provincia de Ourense, con 46 inscricións procedentes do Club de Karate Xinzo de Limia, 84 de River Stone (O Barco de Valdeorras), 19 de Mizukami (Ribadavia) e 47 do Karate Club Maceda. Tamén estarán representados clubs de A Coruña, Lugo e Pontevedra, consolidando así a terceira xornada da Liga Galega como un evento de alcance autonómico e un fito no calendario deportivo da Federación Galega de Karate.
Este importante evento non só serve para poñer a proba o talento dos futuros campións galegos, senón tamén para visibilizar o deporte do karate e os seus valores de disciplina, respecto e esforzo.
Para máis información, pódese consultar a canle de YouTube da Federación Galega de Karate ou a súa páxina web: www.federaciongallegakarate.com.
